Friday 17 de May de 2024

Ángeles Vázquez reivindica a necesidade de protexer Galicia fronte a desinformación e pide colaboración a nivel político para defender o interese común


— A responsable autonómica avanza que se traballa na constitución dun comité de expertos para vixiar e prever posibles efectos mediambientais sobre os ecosistemas

— Pon en valor a eficacia do dispositivo medioambiental activado de inmediato polo Goberno galego para a detección e limpeza dos restos chegados á costa, de forma coordinada cos concellos e encargando análises técnicas da composición do material

— Ata agora, retirouse das praias unha cantidade de pellets equivalente a case 71 sacos de 25 kg e xa son máis de 300 os efectivos de medios propios mobilizados no litoral

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reinvidicou esta mañá no Parlamento a necesidade de protexer Galicia, a súa imaxe e os seus intereses fronte á desinformación irresponsable ao redor do vertido de pellets plásticos do buque mercante Toconao en augas portuguesas e que está a afectar ao litoral da Comunidade e doutros puntos do Cantábrico.
Con este obxectivo e durante a súa comparecencia a petición propia ante a Deputación Permanente da Cámara autonómica, Vázquez Mejuto fixo un chamamento á colaboración a nivel político para defender os intereses de Galicia, apelando á prudencia e ao traballo conxunto de todos os grupos parlamentarios galegos e das diferentes institucións competentes. “A imaxe de Galicia é sagrada”, salientou.
Tras insistir na mensaxe de tranquilidade ante a situación actual e lembrar que as análises encargadas pola Xunta e a opinión dos científicos coinciden en sinalar a non perigosidade dos pellets, a vicepresidenta anunciou que o Goberno galego traballa na constitución dun “comité de expertos” co obxectivo de vixiar os posibles efectos do vertido sobre os ecosistemas costeiros, anticiparse de ser o caso coa adopción das medidas necesarias e, en último termo, esixir responsabilidades.
Esta nova medida, tal e como explicou, virá complementar e reforzar o traballo acometido polo Executivo autonómico nos últimos días para facer fronte á chegada de sacos e de pellets plásticos dispersos ás costas galegas.
En concreto, referiuse á activación en base a criterios técnicos do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Camgal) desde o momento en que tivo coñecemento oficial da situación, o 3 de xaneiro; á posta en marcha dun operativo medioambiental para a vixilancia, detección e limpeza dos residuos en terra —que hoxe supera xa os 300 efectivos de medios propios—; á coordinación e apoio aos concellos costeiros afectados; e á contratación inmediata de varios estudos técnicos sobre a composición do material, ante o descoñecemento inicial e a falta de información.
De feito, Ángeles Vázquez eloxiou a eficacia do dispositivo activado de inmediato polo Goberno galego para a detección e limpeza dos restos chegados á costa e tivo un agradecemento especial para todos os traballadores implicados, tanto o persoal medioambiental e de gardacostas da Xunta como os efectivos de reforzo contratados.
Material recollido nas praias
Segundo os datos recompilados ata o día de onte, a cantidade de pellets plásticos retirados das praias galegas polo operativo da Xunta equivale a case 71 sacos como os que transportaba o contedor perdido polo Toconao —con 25 kg de pellets cada un—.
Ademais, tal e como explicou a responsable autonómica, desde o día 10 de xaneiro tamén se están a recoller das praias material plástico doutro tipo. En concreto, 695 kg na xornada do mércores e 538 kg na de onte, segundo as primeiras estimacións.
Por todo o exposto e tras insistir no bo traballo realizado tanto pola Xunta como por concellos e voluntarios, Ángeles Vázquez fixo fincapé en que o Goberno central debe actuar xa “dentro das súas competencias e, sobre todo, no mar”, reiterando unha vez máis a urxencia de que poña a traballar os medios marítimos e aéreos solicitados desde Galicia.
Ao respecto, lembrou que o pasado 7 de xaneiro a vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, comprometeuse persoalmente co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a ofrecer “toda a colaboración e a axuda” que se considerara necesaria.
Sen embargo, recordou que ao día seguinte, o ministro Óscar Puente pediu a activación do nivel 2 do Plan Camgal para intervir e “unha vez activado” pola Xunta, indicou, o Ministerio esixiu unha cuantificación detallada dos medios estatais reclamados por Galicia.
“Tras moitos días de idas e voltas, agora temos constancia de que o Goberno central sabía desde o 8 de decembro o que aconteceu co Toconao”, advertiu a vicepresidenta, incidindo en que, a pesar dese coñecemento, tardaron máis dun mes en actuar.
Nesta liña, insistiu na importancia de evitar que os sacos de pellets plásticos que permanecen aínda maioritariamente no mar cheguen a terra, onde a súa recollida é moito máis complicada.